O Veciño gordo sempre quere comer. Quere tortilla. Tanto lle dá que sexa tortilla española, tortilla francesa, tortilla de pan, tortilla crioula, tortilla pasada, tortilla aldeá. El quere tortilla con ovo cru, ovo cocido, estrelado, frito, ovo pasado, ovo escalfado, ovo chuperreteado.
Mentres se nos fai a boca auga con este rap da tortilla, Davide González, o actor que interpreta o máis larpeiro e pallaso de todos os personaxes, cóntanos as súas impresións sobre estes días de duro traballo:
Estando xa no ecuador de ensaios, con moito traballo feito, e outro tanto por facer; é para min unha ledicia entrar cada día no Salón Teatro de Santiago a traballar co fantástico equipo que forman As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Síntome moi afortunado pola oportunidade que me brindan de pór todas as miñas ferramentas a funcionar para que, xunto co traballo dos meus compañeiros, xurda un bonito resultado.
É pois aquí, onde eu máis cómodo me atopo, xa que, ademáis de pór en escena as aptitudes musicais que cada un de nós posuímos, tamén están presentes as aptitudes interpretativas que cada quen propón: acrobacias, achegas coreográficas para os momentos musicais, a elaboración de gags etc, que ao compartilas fan que se cree unha dinámica moi boa entre o equipo. Os “famosos egos do actor” desaparecen para deixar paso á creación e mais á axuda colectiva. Dende achegas ao compañeiro de como poder limpar unha acción (no meu caso, por exemplo, de como facer unha caída limpa e rematar no chan agarrando os pés do meu compañeiro Fran Lareu) ou ben, propostas que cada un de nós facemos para tinguir con outras cores certos momentos da peza que, ao meu entender, apoian esa nova visión que lle tentamos dar ao espectáculo. Todo isto enfiado, como non, pola agulla e polo fío do noso director e do equipo que o rodea, e sen esquecer nunca, cal é o rol que temos que desempeñar en cada momento. Un rol no que a actriz ou o actor manteñan unha actitude activa fronte ao traballo, cos brazos abertos para recibir “o erro”, “o fracaso” ou mesmo “o éxito”, e que a pesares de todo, sigan confiando no facer común, na vantaxe do compartir, de non estar sos e de lembrar que o teatro é rito, e como tal, é preciso que comunguemos en colectividade todas as partes que fan posible As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.
Gustaríame rematar este texto cunha referencia á cociña, e introducir aquí o personaxe que interpreto nesta peza: o Veciño gordo, un especialista culinario.
Para facer un pastel de laranxa é preciso ter a man todos os ingredientes necesarios, así como unha guía a seguir con cada paso de xeito ben estruturado. Mais cómpre agardar a telo todo ben mesturado e metido no forno, pois a masa sen cocer rara vez ten bo sabor. E, ao abrir o forno, logo dun tempo de cocción, saberemos se o pastel está no seu punto, se a textura é esponxosa, a cor é apetecible e o sabor é… como dicilo… digno de saborear???
Por iso eu sempre penso… calma.