O Director

Actor, autor, director, profesor e crítico teatral, José Caldas estudou na Fundación Brasileira de Teatro e Conservatório Nacional de Teatro de Brasil, na Escola de Belas Artes de París, na Escola Cit-Lit de Londres e na Escola Piloto de Educação pela Arte de Lisboa.

Aínda que a súa traxectoria escénica comeza en Brasil en 1968, desde 1974 vén desenvolvendo a meirande parte das súas iniciativas profesionais en Portugal, onde fundou a cooperativa OTC (Oficina de Teatro e Comunicação), a cooperativa Sete Ofícios e a Companhia de Teatro Quinta Parede.

Nestes máis de 45 anos de carreira, é o autor e o responsable da posta en escena de numerosos espectáculos entre os que destacan os últimos: O medo azul, (Quinta Parede e Teatro Nacional D. Maria II); O menino azul, Quem come a minha casinha?, Viagem Ligacões amorosas e O escaravelho contador (Companhia de Teatro de Braga); Brincadeiras líricas, As lenheiras de cuca macuca, Os músicos de Bremen, Il Colombre, As Intermitências da Morte e, recentemente, Falar verdade a mentir (Quinta Parede).

José Caldas foi recoñecido con diversos galardóns, entre os que destacan o Premio da Asociación Portuguesa de Críticos Teatrais ao mellor espectáculo teatral nos anos 1979, 1981 e 1984, e o Premio 10 anos do 25 de abril polo conxunto da súa obra, concedido pola mesma asociación en 1985. En Francia foi distinguido co Premio á Mellor Interpretación da Biennale Théâtre Jeunes Publics Lyon’93.

Ten realizado distintos traballos en televisión e impartido varios cursos de animación teatral para o Ministerio de Educación portugués, a Fundación Gulbenkian e a Cámara Municipal do Porto, entre outras institucións, moitos deles relacionados co teatro infantil. Neste ámbito, crea o colectivo PROMETHEA (Rede Europea de Reflexión sobre o Teatro para a Infancia e a Xuventude) e é designado delegado de Portugal no executivo da ASSITEJ (Associação Internacional de Teatro para a Infância e Juventude), participando tamén en multitude de festivais internacionais.

Ademais de escribir crítica teatral en O jornal de Lisboa e no Jornal de Notícias do Porto, é autor de publicacións como Théâtre pour l’ enfance et la jeunesse au Portugal, O instante plural, 20 anos de teatro e miscigenação ou Teatro na escola-A nostalgia do inefável.

Profesor na Academia Contemporânea do Espectáculo do Porto, José Caldas ten participado en distintas actividades artístico-pedagóxicas e organiza coa Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación o I Encontro Europeo de Teatro/Escola.

%d bloggers like this: