O Autor

Figura clave da cultura galega contemporánea, Carlos Casares naceu en Ourense en 1941, pero aos catro anos marchou para Xinzo de Limia, territorio que deixou nel unha fonda pegada. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Foi xornalista, catedrático de Literatura Española, director da Editorial Galaxia e da revista Grial, presidente do Consello da Cultura Galega e presidente de honor de ACNUR Galicia.

Cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro e os artigos xornalísticos, e obtivo varios premios, entre eles o Premio da Crítica Española en 1975 e o Premio da Crítica Galega en 1982.

Como escritor, deuse a coñecer no ano 1967 cun libro de relatos, Vento ferido, moitas veces reeditado. Desde entón, publicou numerosas obras, especialmente novelas e contos, pero tamén pezas de ensaio e investigación. Para os lectores máis novos, ademais de traducir Le petit prince ao galego co título de O principiño, escribiu A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), O can Rin e o lobo Crispín (1983), Lola anda en bicicleta (1997), Un polbo xigante (2000) e a serie que ten ao neno Toribio como protagonista, entre outras obras.

Da súa ampla produción bibliográfica destacan as novelas Cambio en tres, Xoguetes para un tempo prohibido, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul e Os escuros soños de Clío.

Unha parte da súa actividade xornalística, a que exerceu a diario en La Voz de Galicia, foi recollida no volume Na marxe de cada día.

Carlos Casares finou en Vigo en 2002. A súa última creación literaria, O sol do verán, publicouse como obra póstuma.

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: