Elenco

Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde conforman o elenco interpretativo que dá vida aos personaxes de Elías, Anxa, Veciño Gordo, Veciña Desdentada, Veciña Sabida e Veciño da Escopeta, unha especie de clowns surrealistas, mestura de xentes dunha aldea de Galicia cos personaxes da Commedia dell’Arte.

A maioría forman parte dunha nova xeración de actores galegos, licenciados da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), pero que contan tamén con experiencia profesional nos escenarios.

alba_blanco

Alba Blanco Taín (Veciña Sabida)

Licenciada en Arte Dramático, na especialidade de Interpretación Xestual, pola Real Escuela Superior de Arte Dramático (RESAD), completou a súa formación co Máster en Artes Escénicas da Universidade Rey Juan Carlos. Posúe o Grado Profesional de Piano polo Conservatorio Profesional de Música de Ourense, ademais dunha ampla e continuada formación en danza, en programas como a Royal Academy of Dance, entre outros.

No ámbito escénico, e durante a súa etapa como estudante da RESAD, formou parte do elenco da peza Siete niños judíos, de Caryl Churchill, representada no Círculo de Bellas Artes. E protagonizou El experimento de la doctora Ox, montaxe baseada na novela de Xulio Verne que recibiu a Mención de honor no festival internacional de escolas de teatro MFST ITSelF.

Na súa traxectoria interpretativa figurou tamén na posta en escena de Canapés variados, con dirección de Ana Vázquez de Castro, durante a 5ª Mostra d’Arts Gestuals i del Moviment d’Esparreguera e La Noche de los Teatros de Madrid, así como en Splash, baixo as ordes de La Fura dels Baus, na Mostra Internacional de Ribadavia 2009.

En 2012, no Centro de Creación Contemporánea Matadero e baixo a dirección da artista visual italiana Marinella Senatore, participou no proxecto Rosas, a última parte dunha triloxía de óperas pensada para a pequena pantalla. Asemade, un ano despois, colaborou na obra teatral para bailarín e dous coros Noticias del silencio. El Mono, dirixida por Eva Guillamón e música de Sonia Megías, así como no espectáculo de música e poesía sobre Rosalía de Castro Aqueles doce cantares, con dirección de Cristina Domínguez.

Os seus máis recentes traballos interpretativos foron para a compañía Artes Verbénicas: Deseada (unha adaptación do drama rural de Eduardo Marquina La ermita, la fuente y el río, estreada no Teatro Salón Cervantes de Alcalá de Henares), #lasfiestasdelpueblo (unha verbena dramatizada que pechou a programación do festival de teatro FRINGE MADRID 2014 no centro de arte contemporáneo Matadero de Madrid) e Madrid Enverbenado (espectáculo no que toca tamén o piano e que recibiu os premios Talent Madrid 2014 e Fringe Madrid 2014).

No eido audiovisual, actuou en diversas curtamentraxes como El fotógrafo, Dos vidas separadas, Noosi, Calada ou na webserie Ballet para adultos.

alberte_cabarcos

Alberte Cabarcos (Elías)

Director escénico e actor de teatro, cine e televisión, Alberte Cabarcos posúe tamén unha ampla experiencia como profesor de teatro e presentador.

Como actor de teatro, interveu en diferentes espectáculos de compañías da escena afeccionada e universitaria galega, como o grupo Teatralía con Macbeth; Hac Luce con Noite de Reis ou Compañía CasaHamlet con Orestíada. Para MdB producciones puxo en escena a obra Kavafis, baixo a dirección escénica de Manolo de Benito, e para Teatrapalla fixo o propio con Viva Peter Pan, de Xesús Pisón e dirixida por Paulo Serantes.

Para o CDG interpretou varias personaxes na obra Salomé (2010), de Oscar Wilde, ás ordes de Carlos Santiago, e colaborou tamén nas montaxes O Emigrante (2009, dir. Estela Freire), Imaginarte (2009, dir. Xoán C. Laxe), ambas as dúas para Abracadabra Producciones, no espectáculo de rúa de Palimoco Teatro Letra Viva (2008, dir. Paloma Lugilde) e A Mandrágora, de Maquiavelo, (2008, dir. Antón Sampaio), para Achádego Teatro.

A súa actividade teatral esténdese igualmente á dirección escénica poñendo sobre as táboas as pezas Soños e Opinións, sendas creacións colectivas para NostrumCai Teatro; Guerinika, un grito, 1937, de Ignacio Amestoy, para o grupo Séneca; Versuches, de Bertolt Brecht para Teatro SenFin; Tatuaxes, de Xesús Pisón, para a Compañía de Teatro Santart; Unha dúbida razoable, de Sidney Lumet, e O círculo de Xiz, de Bertolt Brecht, para a Aula de Teatro da USC-Lugo.

Canto ao sector audiovisual, destaca o seu papel no documental Cariño, o percebeiro que liberou París, onde interpreta un soldado galego na II Guerra Mundial, o seu papel como ionqui na longametraxe Heroína, de Gerardo Herrero, ou o seu papel de emigrante retornado en Pastoriza, o mar verde.

Entre outras actividades, foi profesor titular de movemento e interpretación na escola Santart de Santiago de Compostela, monitor do programa da Xunta de Galicia “En clave de teatro”, director das aulas de teatro dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso, presentador de varias galas e concertos e foi director da Aula de Teatro da USC- Lugo.

davide_gonzalez

Davide González Lorenzo (Veciño Gordo)

Licenciado en Interpretación Xestual pola Esad de Galicia, ten ademais o grao profesional en saxofón polo Conservatorio de Música Profesional Víctor Ureña de Redondela.

Como actor de teatro puxo en escena para a ESAD a montaxe de teatro físico Momo, baseada na novela de Michael Ende e dirixida por Alfonso Rivera, así como a obra de William Shakespeare A tempestade, baixo a dirección de Daniel Salgado, e na que foi responsable da composición musical.

Participou tamén no espectáculo teatral de Sons d’Aldea 2012 (en Santiago de Albá, no concello lucense de Palas de Reis) e no da Arribada de Baiona 2011, baixo a dirección de Mónica Sueiro.

Figurou na representación da ópera de Rossini O Barbeiro de Sevilla, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia dirixida por Antonio Ros Marbá e con dirección escénica de Curro Carreres e protagonizou a curtametraxe En Conserva. Asemade, formou parte do elenco interpretativo da web-serie Interfecto, un proxecto da Universidade de Vigo.

Como músico, foi saxofonista solista na Orquestra Bohemia (2006-2010), de Monforte de Lemos, e máis na de Saxos, do Conservatorio Profesional de Música de Redondela (2003-2012), coa que gravou o disco En Saxsimón (2012), tocando como solista en tres dos temas do CD. Foi profesor deste instrumento no conservatorio infantil da Fundación Mayeusis durante o curso escolar 2013.

Na actualidade, é contacontos e músico nas sesións de contos da compañía Migallas Teatro con Beatriz Campos, e músico colaborador do espectáculo de sala Triatreros Grupo de Teatro.

ailen_kendelman

Ailén Kendelman (Veciña Desdentada)

Nacida en Arxentina, alí aprende a tocar instrumentos de percusión galega desde moi nova e baila flamenco de forma profesional, actuando no espectáculo Por las calles de Madrid.

En 1999 chega a España e comeza os seus estudos de violín no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, onde actualmente continúa a súa formación en percusión. Estudante de Interpretación na ESAD de Galicia, posúe formación en canto, caixón flamenco, percusión corporal, danza oriental, commedia dell’arte, máscara e técnica do xesto.

Conta cunha ampla experiencia artística e docente en folclore galego (canto, baile, percusión e gaita), como integrante do grupo de pandereteiras O Fiadeiro e de Traspés, como profesora de percusión galega en diferentes asociacións e como directora da Rondalla da Asociación Cultural de Vincios.

En 2009 funda o grupo de tango Trío Canyuengue, no que toca o violín, percusión e canta; tres anos máis tarde constitúe, xunto con Areta Bolado e Noelia Fernández, o grupo de teatro A Panadaría. O seu espectáculo debut, PAN!PAN!, foi galardoado co primeiro premio no concurso Xuventude Crea 2013 para novos talentos de Galicia, e ademais de actuar nel, Ailén compuxo toda a música.

A súa experiencia teatral abrangue tamén a súa participación en Muller nº9 (obra coa que nacía en 2013 a compañía Aporía), na lectura dramatizada de Aquelas cousas do verán, na MIT Rivadavia 2011, e no espectáculo A sombra, na Aldea Rural de Couso Galán. Colaborou na performance Slogans Remix da artista bosnia Maja Bajevic.

Compaxina a súa incipiente traxectoria interpretativa coa faceta de cantante e violinista no grupo Mariachi Vigo.

fran_lareu

Fran Lareu (Veciño da Escopeta)

Fran Lareu é titulado superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Despois de pasar pola escola Espazo Aberto de Santiago de Compostela, comeza a súa relación profesional coa farándula da man da Asociación Teatro Secundario (coa que puxo en escena as montaxes O príncipe de Velasvir, Radioquia e Histerias da historia), Viravolta Títeres (A Torre do Trebón, Cabezudos, Unha de piratas, Titiriteiros, A caixa de música, O frautista de Hammelin, Os tres porquiños e A casa do rato) e Seisdedos (O cego dos monifates, Dueto de fío, Varietés e Hansel e Gretel).

Seguirase formando no mundo das artes con mestres como Joseph Collard (clown), Nuria Montero ou Ángel Almazán (voz), ademais de obter unha bolsa da Unión Europea para a realización dun curso de teatro e circo na República Checa. Continúa a súa carreira profesional coas compañías Teatro da Gavela (O Conde Alarcos e A lenda do Conde Santo), Zancalino Produs (Zuco, zaca e zico), Fantoches Baj (Zampón, o lambón), Navia de Espectáculos (Lela anda en bicicleta), Nasdrovia Producciones (A patrulla Tola), Boneca Lareta (A familia Nolfini), e Elefante Elegante (O forno).

Recentemente, puidemos velo sobre os escenarios protagonizando O home almofada, de Martin McDonagh, obra debut da compañía Il Maquinario Teatro (un grupo formado basicamente por antigos alumnos da ESAD de Galicia) e pola que foi nomeado ao mellor actor protagonista nos Premios María Casares 2014.

Formouse no Conservatorio Profesional de Lalín como trompetista e traballou en diferentes cargos de dirección e produción en series de televisión e cine, entre os que destaca a súa función de axudante de dirección en La piel que habito, de Pedro Almodóvar.

 laura_villaverde

Laura Villaverde (Anxa)

Actriz e creadora escénica e cinematográfica, Laura Villaverde é licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Amplía o seu proceso formativo no terreo da interpretación en Nova York (2010-2012) da man de Anne Bogart, Will Bond, Ellen Lauren, Akiko Aizawa, Kelly Maurer, Gim-Murray, Leon Inglulsrud, e máis membros da Compañía SITI; ademais de profundar en técnicas corporais e na danza con The Bill T. Jones/Arnie Zane Dance Company, Temple Theatre , Ana Serna, Jordi Cortés, Lauren Atanes, Julio Castronuevo ou José Piris, entre outros. Consigue tamén unha bolsa de estudos para formar parte do “Summer Theater Workshop”, un programa de adestramento internacional da universidade Skidmore College.

Comeza a súa traxectoria en varios espectáculos do Grupo de Teatro A Segorella, entre os que destaca Arsénico por Compasión, de Frank Capra (2005). Desenvolve o proxecto de creación propia Posesións (2008) e escenifica Macbeth (2010) e La Historia de Ronald el Payaso de McDonalds (2010) na ESAD Galicia.

Trasládase a Nova York e dá o salto internacional, interpretando a performance Intermission no The Kitchen Theatre e a produción Cafe Variations, no teatro New York Live Art, baixo a dirección de Anne Bogart para a SITI Company. Asemade, crea e interpreta o espectáculo Uvas de collón de ghalo co que xira por Nova York, Colombia e Puerto Rico.

A cabalo entre Galicia e a cidade que nunca dorme, funda a súa propia compañía ArtesaCía, ao mesmo tempo que crea, xunto a Roi Fernández, Extramuros, un espazo multidisciplinar onde ten sede a súa compañía e no que desenvolve a súa faceta de docente impartindo sesións regulares de adestramento Suzuki, Viewpoints e Composición.

No apartado audiovisual, destacan a súa contratación como actriz para as prácticas do Máster de Direción Cinematográfica do City College of New York, con dirección de Chantal Akerman, así como distintas curtametraxes dirixidas por directores internacionais.

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: