Arquivos da categoría Xira

Viveiro, Tui, O Barco e Rianxo, próximos destinos

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas continúa coa súa campaña escolar e desenvolverá nas próximas semanas seis novas funcións dirixidas a alumnos e alumnas de educación primaria.

Durante estes días, as nosas laranxas están a percorrer ás catro provincias da nosa comunidade. Deste xeito, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá dúas representacións matinais do espectáculo, que terán lugar o mércores día 12 e o xoves 13 de novembro ás 11:00 horas. Da vila lucense, o CDG viaxará ata Tui, onde levará a cabo outros dous pases no Teatro Municipal Área Panorámica, o martes 18 mais o mércores 19 tamén ás 11:00 horas. Pola súa banda, o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras recibirá As laranxas máis laranxas de todas as laranxas o 21 de novembro ás 12:00 horas, en tanto que, xa en decembro, o destino da compañía será Rianxo, onde actuará no Auditorio Municipal da localidade o mércores día 3 ás 10:00 e ás 12.00 horas.

Como xa sabedes, esta xira integra unha intensa campaña escolar que, de modo paralelo ás funcións concertadas con centros educativos de toda Galicia, pon a disposición dos mestres e do seu alumnado un completo material didáctico e lúdico arredor do espectáculo do CDG e da obra de Casares que se pode descargar desde este blog.

* Na foto, podedes ver algún dos debuxos que escolares de Vilagarcía de Arousa realizaron para os actores de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Advertisement

Continúa a viaxe galega de “As laranxas…” en Vigo

As nosas Laranxas recalan esta fin de semana na cidade de Vigo, onde o Teatro Centro Cultural Afundación acollerá o domingo día 2, ás 18.00 h, a penúltima función para público familiar da súa xira por Galicia. Ao día seguinte, máis de 900 escolares asistirán ás dúas funcións programadas para os centros de ensino.

Xa anunciamos que para ninguén perdese a oportunidade de ver este espectáculo, o Centro Dramático Galego e Afundación ofrecen un prezo especial reducido nas entradas que xa se poden adquirir a través dos canais habituais da entidade, en www.servinova.es ou ben no teléfono 902 504 500.

A continuación, a versión da obra de Carlos Casares poderá verse en Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro) e A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro), antes da súa exhibición no Salón Teatro de Santiago, do 9 ao 30 de decembro.

E para que estedes ao tanto do seu periplo por Galicia, os actores do espectáculo crearon unha páxina en Facebook con información sobre a xira, impresións, anécdotas… tanto das persoaxes como dos actores e actrices que forman o elenco. Animámosvos a que lle botedes un ollo, e como adianto, aquí vos deixamos un vídeo, agasallo da Veciña Sabida (Alba Blanco Taín), no inicio da xira en Vilagarcía para que descubrades todo o que hai detrás de As laranxas

Colexios máis colexios…

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas seguen inmersas na súa xira por toda Galicia. Pontevedra e Vigo son as seguintes paradas da producción, onde máis de 1.800 nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria participarán nas catro funcións concertadas para os centros de ensino.

Ante a enorme demanda suscitada por parte dos colexios da provincia que rapidamente esgotaron as prazas dispoñibles, desde aquí animámosvos, queridas familias, a que vaiades ás funcións para público xeral que terán lugar o sábado 18 de outubro, ás 18.00 horas, no Auditorio Centro Social Afundación de Pontevedra, e o domingo 2 de novembro, tamén ás 18.00 horas, no Teatro Centro Cultural Afundación de Vigo.

E para que ninguén perda a oportunidade de ver este espectáculo, o Centro Dramático Galego e Afundación ofrecen un prezo especial reducido de 3 euros nas entradas que xa se poden adquirir a través dos canais habituais da entidade, en www.servinova.es ou ben no teléfono 902 504 500.