Arquivos da categoría Escolares

Pase especial para profesorado e faladoiro sobre Carlos Casares

Co comezo dunha nova semana de ensaios, aproveitamos para comunicarvos un par de avisos. En primeiro lugar, que nos días previos á estrea do venres 3 no Teatro Principal de Ourense, terá lugar o faladoiro “O Ourense de Carlos Casares / O Carlos Casares de Ourense”, organizado polo Liceo de Ourense, A Fundación Carlos Casares e o Centro Dramático Galego.

No encontro, que se celebrará na sala de tertulia do propio Liceo ourensán o mércores 24 ás 20.30 horas, intervirán Maribel Outeiriño, Bieito Iglesias, Iago Seara, Gonzalo Iglesias Sueiro, Agustín Madarmás, Álvaro Rodríguez, Julio Losada, Xabier Casares e mailo director do CDG, Manuel Guede Oliva.

En segundo lugar, tamén queremos informarvos de que este xoves 25 de setembro, ás 18.00 horas, se desenvolverá no Salón Teatro de Santiago un pase especial dirixido ao profesorado. Ao final do ensaio, o director escénico, os actores e o público asistente compartirán uns minutos de pausada conversación para falar sobre a obra. Para poder participar, abonda con chamar ao teléfono do CDG, 981 581 111 (en horario de 9.00 a 14.00 horas) e confirmar a asistencia.

As laranxas volven ao cole

Abofé que si! O reencontro cos amigos, novos compañeiros, novas experiencias… Despois de máis de dous meses de vacacións, toca volver ao cole e as nosas laranxas máis laranxas de todas as laranxas regresan tamén ás aulas!

No apartado Descargas deste blog xa se pode consultar a guía didáctica que realizaron no ano 2004 as pedagogas Magdalena de Rojas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, e que se completa con ilustracións de Óscar Villán. Destinada a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, esta publicación ofrece ao longo das súas páxinas distintos xogos pedagóxicos e actividades formativas para realizar antes e despois de ver o espectáculo.

Así mesmo, tamén pode descargarse o arquivo pdf “As Laranxas Teatro“, no que se mostran tres láminas, en tamaño A-3, coas siluetas dun escenario e dos personaxes. Recomendámosvos que imprimades estas láminas nun folio A-3 e, a continuación, as peguedes sobre cartón. Seguide as instrucións da montaxe que aparecen na páxina 24 da guía didáctica. Anxa, Elias, os veciños… todos teñen moito que dicir, todo canto vós queirades.

E non vos esquezades de imprimir a baralla de cartas que está no arquivo pdf “As Laranxas Cartas Saber Caer” (en tamaño A4), para realizar as actividades do capítulo “Hai que saber caer” da guía (páx. 39-43).