Arquivos da categoría Ensaios

Os egos do actor desaparecen

O Veciño gordo sempre quere comer. Quere tortilla. Tanto lle dá que sexa tortilla española, tortilla francesa, tortilla de pan, tortilla crioula, tortilla pasada, tortilla aldeá. El quere tortilla con ovo cru, ovo cocido, estrelado, frito, ovo pasado, ovo escalfado, ovo chuperreteado.

Mentres se nos fai a boca auga con este rap da tortilla, Davide González, o actor que interpreta o máis larpeiro e pallaso de todos os personaxes, cóntanos as súas impresións sobre estes días de duro traballo:

Estando xa no ecuador de ensaios, con moito traballo feito, e outro tanto por facer; é para min unha ledicia entrar cada día no Salón Teatro de Santiago a traballar co fantástico equipo que forman As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Síntome moi afortunado pola oportunidade que me brindan de pór todas as miñas ferramentas a funcionar para que, xunto co traballo dos meus compañeiros, xurda un bonito resultado.

É pois aquí, onde eu máis cómodo me atopo, xa que, ademáis de pór en escena as aptitudes musicais que cada un de nós posuímos, tamén están presentes as aptitudes interpretativas que cada quen propón: acrobacias, achegas coreográficas para os momentos musicais, a elaboración de gags etc, que ao compartilas fan que se cree unha dinámica moi boa entre o equipo. Os “famosos egos do actor” desaparecen para deixar paso á creación e mais á axuda colectiva. Dende achegas ao compañeiro de como poder limpar unha acción (no meu caso, por exemplo, de como facer unha caída limpa e rematar no chan agarrando os pés do meu compañeiro Fran Lareu) ou ben, propostas que cada un de nós facemos para tinguir con outras cores certos momentos da peza que, ao meu entender, apoian esa nova visión que lle tentamos dar ao espectáculo. Todo isto enfiado, como non, pola agulla e polo fío do noso director e do equipo que o rodea, e sen esquecer nunca, cal é o rol que temos que desempeñar en cada momento. Un rol no que a actriz ou o actor manteñan unha actitude activa fronte ao traballo, cos brazos abertos para recibir “o erro”, “o fracaso” ou mesmo “o éxito”, e que a pesares de todo, sigan confiando no facer común, na vantaxe do compartir, de non estar sos e de lembrar que o teatro é rito, e como tal, é preciso que comunguemos en colectividade todas as partes que fan posible As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

Gustaríame rematar este texto cunha referencia á cociña, e introducir aquí o personaxe que interpreto nesta peza: o Veciño gordo, un especialista culinario.

Para facer un pastel de laranxa é preciso ter a man todos os ingredientes necesarios, así como unha guía a seguir con cada paso de xeito ben estruturado. Mais cómpre agardar a telo todo ben mesturado e metido no forno, pois a masa sen cocer rara vez ten bo sabor. E, ao abrir o forno, logo dun tempo de cocción, saberemos se o pastel está no seu punto, se a textura é esponxosa, a cor é apetecible e o sabor é… como dicilo… digno de saborear???

Por iso eu sempre penso… calma.

Advertisement

Na artesa, macerando e collendo sabor

Comezamos unha nova semana, e os nosos actores, Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman Mouzo, Fran Lareu e Laura Villaverde, ultiman xa a preparación dos seus personaxes. A estrea do venres 3, no Teatro Principal de Ourense, está á volta da esquina e, namentres avanzamos, Laura Villaverde quere compartir connosco como está a ser o proceso de construción do seu personaxe: Anxa.

O personaxe de Anxa “está aínda na artesa” intentando macerar e coller sabor. Cando comezo un novo proxecto son consciente de que cada proceso creativo é diferente, pois a obra e o equipo humano é distinto en cada traballo. Pero o que nunca é diferente é o respecto e a responsabilidade coa que parto en cada viaxe artística: respecto pola idea do autor e responsabilidade co material a mover.

Nunha primeira fase, tento facer unha análise profunda sobre o texto e a contextualización histórico-social da obra (soe dar moita información), e ao mesmo tempo, tento pensar en contextualizar o meu personaxe, buscar un referente.. polo que estas semanas están a ser un traballo moi técnico: marcar os raís polos que Anxa vai viaxar, a estrutura da peza, definir a súa topografía…

De xeito simultáneo, tamén debo saber esquecerme do meu personaxe e pensar en conxunto, marcar as ‘mise en scène’ con todos os personaxes que dotarán a cada escena de significado, vehiculizados polo movemento escénico que se crea e pacta entre os actores e o director. Forxar a idea de conxunto, e as preguntas correctas para que aparezan as respostas que queremos conseguir coa peza: onde queremos chegar? que queremos contar? Unha “obra para nenos” case sempre oculta praceres ocultos, sintetiza dun xeito belo e sinxelo misterios do mundo agardando a ser explorados por xentes curiosas… sen límite de idade!

Logo de ter a estrutura ben fixada, os raís onde aparecerá Anxa, o seu carácter, a súa carencia, os seus ollares, a súa enerxía, as súas motivacións, os seus gustos, os seus obxectivos e conflitos….e con todo iso aparecerá o fluxo da acción… polo que cedo, moi cedo, saberemos quen é Anxa…

Polo de agora convídovos a que leades a peza e, por que non?, imaxinade como pode ser Anxa para vós. Ata dentro duns días!

Por certo, e a modo de curiosidade, sabedes que o nome de Anxa está agochado no título da obra?

Un novo ollar sobre “As laranxas…”

Dez anos despois da primeira montaxe, lanzo, lanzamos, un novo ollar sobre este texto e sobre este espectáculo. Ollar isto que quere entrever nas entreliñas de Casares: un suspiro poético, un indagar na nosa imaxinación e un desafío para ollar máis alá da aparencia inmediata dos personaxes.

Procuramos dar complexidade aos “modelos” que Casares describe, facelos así arquetipos que constelan varias formas do ser. Anxa, por exemplo, un arquetipo da muller: amante, nai, soporte da familia, severa, doce, alma solar.

Insuflar nos outros personaxes “tipos” o seu contrario e os seus matices. Propoñendo ao noso público varios niveis de lectura. Lonxe da comprensión inmediata e preguntándolles máis do que está exposto.

Estes clowns galegos saberán facer rir e saberán rirse de si mesmos. Saberán quebrar as nosas certezas e inocular o virus da curiosidade.

Así non será unha reposición senón máis ben unha recreación. Porque sobre todo contamos con novos actores cheos de entusiasmo e do pracer de estar en escena. Sen vicios nin certezas, abertos a este desafío que vai máis alá da palabra dita na busca do corazón salvaxe.

Seis actores músicos, unha banda que improvisa, como no jazz, buscando unha linguaxe común. A lingua polisémica do acto teatral.

José Caldas.
Primeiras impresións sobre a nova montaxe.

Un mundo cheo de laranxas

A piques de rematar esta primeira semana de ensaios, logo de moitas horas de traballo e esforzo, e tamén con algún pequeno receso para bromas e risas, Alberte Cabarcos (Elías) explícanos como están a ser estas sesións:

Unha personaxe constrúese no proceso dos ensaios. Negóciase coa propia personaxe (a textual) e máis cos compañeiros cal será o seu carácter último, e cales as accións que sustenten ese carácter, que amosen claramente as súas relacións co resto das personaxes e que, acordes á liña argumental do autor, resolvan ou non os conflitos que a obra plantexe.

Pero se o que se quere é construír unha personaxe de commedia, con maior ou menor rigor, respecto histórico ou “clasicismo”, tamén deberá procurarse un espazo reservado ao absurdo e artellar nel unha sorte de tormentones, lazzis, cabriolas e reviravoltas coa única xustificación dramática de pertencer ou transitar polo mundo fabulesco da commedia, coa premisa de construír primeiro ese imaxinario. O carácter das personaxes xa nos é coñecido. A relación entre as personaxes está xa tamén implícita na commedia.

No primeiro día dos ensaios desta apaixonante aventura que é As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, o director, D. Xosé Caldas, falábanos (no seu portugués de acento galego) da falta de “espesura” das personaxes nesta obra de Casares. E leva toda a razón. As personaxes da commedia non son “espesos”. Nin tanto. Móveos a constante urxencia por resolver os seus conflitos e conseguir os seus obxectivos canto antes. Desexos, na súa maioría de orde primaria (comer, beber, amar, vivir mellor, gañar cuartos, ter parella…). E aí está o traballo do actor de commedia para facer dun texto escrito algo semellante a un canovaccio de commedia (unha improvisación) absurda por definición, onde as personaxes non pensan, senón que actúan, onde o feito de pensar é en si mesmo unha acción que debe ser narrada.

É necesario a comuñón entre o elenco, pois as personaxes non son realistas; non se relacionan “normalmente”. Non na realidade do espectador. Pero si na realidade do seu mundo de commediaE por agora (na primeira semana de ensaios) a comuñón entre nós (actores/actrices) non podería ser mellor. Estamos a construír un mundo. Un mundo á medida das nosas personaxes. Un mundo cheo de laranxas. E non dunhas laranxas calquera. Non, non. O mundo das laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

Primeiros ensaios, montaxe, nervos… Estamos de volta!

Tras o descanso estival, volvemos á actividade con enerxías renovadas para preparar a posta en escena da nova produción do Centro Dramático Galego sobre a obra de Carlos Casares As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

Desde este luns e durante todo este mes de setembro, a compañía traballará no Salón Teatro de Santiago ás ordes do luso-brasileiro José Caldas, como director escénico e autor da versión dramatúrxica; e de Bernardo Martínez, na dirección e composición musical. Ambos os directores, que xa foran en 2004 os responsables da montaxe para o CDG, asumen tamén agora a súa reposición.

O equipo dedicou a primeira sesión á lectura do texto, escudriñando cada palabra dunha versión escénica realizada por José Caldas que incorpora referencias a outras obras para público infantil e xuvenil do autor.

Mentres se van familiarizando co espazo escénico e os elementos do atrezzo, e se van realizando as primeiras probas de vestiario, son e luces… irán construíndo os personaxes nun proceso de traballo onde xa se respira ilusión, ansias de crear e ganas de gozar.