Arquivos da categoría Avisos

Xa podes comprar as túas entradas para as últimas funcións en Santiago

As nosas Laranxas están moi impacientes. Xa queda moi pouco para que rematen a súa viaxe por Galicia e cheguen á súa casa, o Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde levarán a cabo o mes que vén, como peche de xira, unha ducia de funcións escolares e nove pases máis para público de todas as idades.

Que mellor plan para estas vacacións de Nadal que ir ao teatro en familia? E para que ninguén perda a oportunidade de ver o espectáculo, o Centro Dramático Galego ofrece un prezo especial reducido de 3 euros nas localidades, que xa se poden adquirir a través da web entradas.abanca.com.

Escolle a túa función entre os días 13, 14, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, adquire as túas entradas antes de que se esgoten e goza dunha tarde de teatro galego da man de Carlos Casares.

Advertisement

Colexios máis colexios…

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas seguen inmersas na súa xira por toda Galicia. Pontevedra e Vigo son as seguintes paradas da producción, onde máis de 1.800 nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria participarán nas catro funcións concertadas para os centros de ensino.

Ante a enorme demanda suscitada por parte dos colexios da provincia que rapidamente esgotaron as prazas dispoñibles, desde aquí animámosvos, queridas familias, a que vaiades ás funcións para público xeral que terán lugar o sábado 18 de outubro, ás 18.00 horas, no Auditorio Centro Social Afundación de Pontevedra, e o domingo 2 de novembro, tamén ás 18.00 horas, no Teatro Centro Cultural Afundación de Vigo.

E para que ninguén perda a oportunidade de ver este espectáculo, o Centro Dramático Galego e Afundación ofrecen un prezo especial reducido de 3 euros nas entradas que xa se poden adquirir a través dos canais habituais da entidade, en www.servinova.es ou ben no teléfono 902 504 500.

Pase especial para profesorado e faladoiro sobre Carlos Casares

Co comezo dunha nova semana de ensaios, aproveitamos para comunicarvos un par de avisos. En primeiro lugar, que nos días previos á estrea do venres 3 no Teatro Principal de Ourense, terá lugar o faladoiro “O Ourense de Carlos Casares / O Carlos Casares de Ourense”, organizado polo Liceo de Ourense, A Fundación Carlos Casares e o Centro Dramático Galego.

No encontro, que se celebrará na sala de tertulia do propio Liceo ourensán o mércores 24 ás 20.30 horas, intervirán Maribel Outeiriño, Bieito Iglesias, Iago Seara, Gonzalo Iglesias Sueiro, Agustín Madarmás, Álvaro Rodríguez, Julio Losada, Xabier Casares e mailo director do CDG, Manuel Guede Oliva.

En segundo lugar, tamén queremos informarvos de que este xoves 25 de setembro, ás 18.00 horas, se desenvolverá no Salón Teatro de Santiago un pase especial dirixido ao profesorado. Ao final do ensaio, o director escénico, os actores e o público asistente compartirán uns minutos de pausada conversación para falar sobre a obra. Para poder participar, abonda con chamar ao teléfono do CDG, 981 581 111 (en horario de 9.00 a 14.00 horas) e confirmar a asistencia.