A Obra

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Este foi, ademais, o texto escollido polo Centro Dramático Galego (CDG) para producir hai dez anos o seu primeiro espectáculo especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou, así mesmo, un notable éxito de público.

Afirmaba o seu autor que a peza era un disparate continuo de movemento e fantasía

Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van afirmaba o seu autor que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”. Herdeira do nonsense e do surrealismo, provoca a risa e induce curiosidade e expectación, sentimentos que van pouco a pouco aumentando na medida en que se amorean os acontecementos. Enlázanse conversas absurdas, comportamentos estrafalarios, esaxeracións ao límite, personificación de animais ou animación de obxectos, sempre á beira do cotián, rozando a normalidade.

Escrita nun único acto e localizada no ambiente rural galego, a historia comeza co nacemento de cinco laranxas xigantes e moi estrañas no limoeiro da horta da casa de Elías e Anxa. Unha delas estoura cando o amo da casa a toca. Co estrondo do estoupido acoden os veciños, e a partir de entón comezan a ocorrer anécdotas insólitas, ilóxicas, mesmo disparatadas, absurdas, pero divertidas, protagonizadas polo donos da horta, o Veciño da Escopeta, o Gordo ou Toneladitas, a Veciña Sabida, a Desdentada, o Ovo ou a galiña Petra.

No espectáculo intégrase o conto de Casares A galiña azul, así como textos doutras obras súas

O director escénico, Jose Caldas, e o director musical, Bernardo Martínez, que xa foran en 2004 os responsables da montaxe deste texto para o CDG, deseñaron un espectáculo no que se integra o conto de Casares A galiña azul, así como textos doutras obras súas para compoñer as letras das cancións que interpretan en directo os seis actores que conforman o elenco.

A única obra dramática de Casares foi estreada polo grupo teatral O Facho na clausura da I Mostra de Teatro Galego que se realizou en Ribadavia o 27 de maio de 1973. Tamén se presentou na Coruña, a cargo do mesmo grupo, os días 2 e 9 de xuño, e o 6 de agosto, en A Rúa (Ourense), a cargo do grupo Os Cigurros. Pero ademais das veces nas que foi escenificada por grupos profesionais, foron tamén moitas as representacións levadas a cabo por nenos e nenas de centros de ensino, ao tratarse dunha peza referencial do teatro infantil galego.

A primeira edición de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas foi publicada pola editorial Galaxia en Nadal de 1973, con ilustracións realizadas por Luís Seoane, un dos grandes renovadores da plástica galega.

%d bloggers like this: