Viveiro, Tui, O Barco e Rianxo, próximos destinos

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas continúa coa súa campaña escolar e desenvolverá nas próximas semanas seis novas funcións dirixidas a alumnos e alumnas de educación primaria.

Durante estes días, as nosas laranxas están a percorrer ás catro provincias da nosa comunidade. Deste xeito, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá dúas representacións matinais do espectáculo, que terán lugar o mércores día 12 e o xoves 13 de novembro ás 11:00 horas. Da vila lucense, o CDG viaxará ata Tui, onde levará a cabo outros dous pases no Teatro Municipal Área Panorámica, o martes 18 mais o mércores 19 tamén ás 11:00 horas. Pola súa banda, o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras recibirá As laranxas máis laranxas de todas as laranxas o 21 de novembro ás 12:00 horas, en tanto que, xa en decembro, o destino da compañía será Rianxo, onde actuará no Auditorio Municipal da localidade o mércores día 3 ás 10:00 e ás 12.00 horas.

Como xa sabedes, esta xira integra unha intensa campaña escolar que, de modo paralelo ás funcións concertadas con centros educativos de toda Galicia, pon a disposición dos mestres e do seu alumnado un completo material didáctico e lúdico arredor do espectáculo do CDG e da obra de Casares que se pode descargar desde este blog.

* Na foto, podedes ver algún dos debuxos que escolares de Vilagarcía de Arousa realizaron para os actores de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Advertisement