Mentres agardamos as últimas funcións de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas no Salón Teatro de Santiago, aquí vos deixamos un vídeo do espectáculo que editou o noso Elías (Alberte Cabarcos).
Mentres agardamos as últimas funcións de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas no Salón Teatro de Santiago, aquí vos deixamos un vídeo do espectáculo que editou o noso Elías (Alberte Cabarcos).
As nosas Laranxas están moi impacientes. Xa queda moi pouco para que rematen a súa viaxe por Galicia e cheguen á súa casa, o Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde levarán a cabo o mes que vén, como peche de xira, unha ducia de funcións escolares e nove pases máis para público de todas as idades.
Que mellor plan para estas vacacións de Nadal que ir ao teatro en familia? E para que ninguén perda a oportunidade de ver o espectáculo, o Centro Dramático Galego ofrece un prezo especial reducido de 3 euros nas localidades, que xa se poden adquirir a través da web entradas.abanca.com.
Escolle a túa función entre os días 13, 14, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, adquire as túas entradas antes de que se esgoten e goza dunha tarde de teatro galego da man de Carlos Casares.
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas continúa coa súa campaña escolar e desenvolverá nas próximas semanas seis novas funcións dirixidas a alumnos e alumnas de educación primaria.
Durante estes días, as nosas laranxas están a percorrer ás catro provincias da nosa comunidade. Deste xeito, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá dúas representacións matinais do espectáculo, que terán lugar o mércores día 12 e o xoves 13 de novembro ás 11:00 horas. Da vila lucense, o CDG viaxará ata Tui, onde levará a cabo outros dous pases no Teatro Municipal Área Panorámica, o martes 18 mais o mércores 19 tamén ás 11:00 horas. Pola súa banda, o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras recibirá As laranxas máis laranxas de todas as laranxas o 21 de novembro ás 12:00 horas, en tanto que, xa en decembro, o destino da compañía será Rianxo, onde actuará no Auditorio Municipal da localidade o mércores día 3 ás 10:00 e ás 12.00 horas.
Como xa sabedes, esta xira integra unha intensa campaña escolar que, de modo paralelo ás funcións concertadas con centros educativos de toda Galicia, pon a disposición dos mestres e do seu alumnado un completo material didáctico e lúdico arredor do espectáculo do CDG e da obra de Casares que se pode descargar desde este blog.
* Na foto, podedes ver algún dos debuxos que escolares de Vilagarcía de Arousa realizaron para os actores de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas