O gran día chegou por fin. O aforo do Teatro Principal de Ourense quedouse pequeno para acoller a estrea de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Entre o público asistente, ademais do conselleiro Xesús Vázquez Abad que quixo acompañar a todo o equipo, figuraban tamén destacados representantes do ámbito institucional e cultural de Ourense e do resto de Galicia. Numerosos nenos e nenas tampouco quixeron perderse o pase inaugural desta montaxe de teatro e música para toda a familia.
Tras esta estrea en Ourense, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas puxo rumbo cara ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa (domingo 5, ás 18.00 horas, para público xeral, e o luns 6 pola mañá en función escolar). O espectáculo tamén poderá verse en Narón (Pazo da Cultura, 12 de outubro), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 17 e 18 de outubro), Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).
En último lugar, pero non por iso menos importante, queremos agradecer á Fundación Carlos Casares as afectuosas palabras sobre a estrea publicadas no seu web:
Desde a Fundación non podemos menos que agradecerllelo aos actores, directores e a todas aquelas persoas que fixeron posible semellante alegría. Quedamos obrigados con todas elas e especialmente con Manuel Guede, o director do Centro Dramático Galego, en quen nos gustaría simbolizar este esforzo colectivo, pois leva moitos anos perseguindo soños coma este.