As nosas Laranxas recalan esta fin de semana na cidade de Vigo, onde o Teatro Centro Cultural Afundación acollerá o domingo día 2, ás 18.00 h, a penúltima función para público familiar da súa xira por Galicia. Ao día seguinte, máis de 900 escolares asistirán ás dúas funcións programadas para os centros de ensino.
Xa anunciamos que para ninguén perdese a oportunidade de ver este espectáculo, o Centro Dramático Galego e Afundación ofrecen un prezo especial reducido nas entradas que xa se poden adquirir a través dos canais habituais da entidade, en www.servinova.es ou ben no teléfono 902 504 500.
A continuación, a versión da obra de Carlos Casares poderá verse en Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro) e A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro), antes da súa exhibición no Salón Teatro de Santiago, do 9 ao 30 de decembro.
E para que estedes ao tanto do seu periplo por Galicia, os actores do espectáculo crearon unha páxina en Facebook con información sobre a xira, impresións, anécdotas… tanto das persoaxes como dos actores e actrices que forman o elenco. Animámosvos a que lle botedes un ollo, e como adianto, aquí vos deixamos un vídeo, agasallo da Veciña Sabida (Alba Blanco Taín), no inicio da xira en Vilagarcía para que descubrades todo o que hai detrás de As laranxas…