Presentación aos medios de comunicación

Estamos xa na conta atrás cara o día da estrea, e chegou o momento de presentar o espectáculo ante os medios de comunicación. O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, quixo acompañar a todo o equipo artístico –encabezado polo director escénico José Caldas- na rolda de prensa celebrada hoxe no Teatro Principal de Ourense, á que asistiron tamén Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora-xerente do Teatro Principal; Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); e Manuel Guede Oliva, director do CDG.

No encontro cos medios, Vázquez Abad reivindicou a Carlos Casares como galego insigne de talento multifacético e destacou a recuperación dunha parte da súa obra se cadra a menos coñecida, pero igualmente excepcional, que é a que asinou como autor de teatro para público infantil e xuvenil.

Así mesmo, dedicou unha mención especial ao noso querido elenco (que integran Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde) aos que salientou como “representantes, e modelo tamén, das novas xeracións de intérpretes totais que se están a formar e a abrir camiño en Galicia”.

Os seis foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Advertisement