As laranxas volven ao cole

Abofé que si! O reencontro cos amigos, novos compañeiros, novas experiencias… Despois de máis de dous meses de vacacións, toca volver ao cole e as nosas laranxas máis laranxas de todas as laranxas regresan tamén ás aulas!

No apartado Descargas deste blog xa se pode consultar a guía didáctica que realizaron no ano 2004 as pedagogas Magdalena de Rojas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, e que se completa con ilustracións de Óscar Villán. Destinada a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, esta publicación ofrece ao longo das súas páxinas distintos xogos pedagóxicos e actividades formativas para realizar antes e despois de ver o espectáculo.

Así mesmo, tamén pode descargarse o arquivo pdf “As Laranxas Teatro“, no que se mostran tres láminas, en tamaño A-3, coas siluetas dun escenario e dos personaxes. Recomendámosvos que imprimades estas láminas nun folio A-3 e, a continuación, as peguedes sobre cartón. Seguide as instrucións da montaxe que aparecen na páxina 24 da guía didáctica. Anxa, Elias, os veciños… todos teñen moito que dicir, todo canto vós queirades.

E non vos esquezades de imprimir a baralla de cartas que está no arquivo pdf “As Laranxas Cartas Saber Caer” (en tamaño A4), para realizar as actividades do capítulo “Hai que saber caer” da guía (páx. 39-43).

Advertisements