As nosas laranxas despídense

A piques de despedir o ano, tamén as nosas laranxas nos din adeus. O Salón Teatro de Santiago acolle hoxe martes 30, ás 18.00 horas, a derradeira oportunidade para poder ver a versión do Centro Dramático Galego sobre a obra de Carlos Casares.

E co sabor doce das laranxas na nosa boca, despedimos este blog non sen antes agradecer aos seguidores e aos máis de 9.300 visitantes a súa atención e compañía ao longo de todo este tempo.

Anxa, Elías, a veciña Sabida e a Desdentada, o veciño Gordo e o da Escopeta, moitas grazas por facernos gozar de grandes momentos de teatro!

Advertisement

Xa podes comprar as túas entradas para as últimas funcións en Santiago

As nosas Laranxas están moi impacientes. Xa queda moi pouco para que rematen a súa viaxe por Galicia e cheguen á súa casa, o Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde levarán a cabo o mes que vén, como peche de xira, unha ducia de funcións escolares e nove pases máis para público de todas as idades.

Que mellor plan para estas vacacións de Nadal que ir ao teatro en familia? E para que ninguén perda a oportunidade de ver o espectáculo, o Centro Dramático Galego ofrece un prezo especial reducido de 3 euros nas localidades, que xa se poden adquirir a través da web entradas.abanca.com.

Escolle a túa función entre os días 13, 14, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, adquire as túas entradas antes de que se esgoten e goza dunha tarde de teatro galego da man de Carlos Casares.

Viveiro, Tui, O Barco e Rianxo, próximos destinos

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas continúa coa súa campaña escolar e desenvolverá nas próximas semanas seis novas funcións dirixidas a alumnos e alumnas de educación primaria.

Durante estes días, as nosas laranxas están a percorrer ás catro provincias da nosa comunidade. Deste xeito, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá dúas representacións matinais do espectáculo, que terán lugar o mércores día 12 e o xoves 13 de novembro ás 11:00 horas. Da vila lucense, o CDG viaxará ata Tui, onde levará a cabo outros dous pases no Teatro Municipal Área Panorámica, o martes 18 mais o mércores 19 tamén ás 11:00 horas. Pola súa banda, o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras recibirá As laranxas máis laranxas de todas as laranxas o 21 de novembro ás 12:00 horas, en tanto que, xa en decembro, o destino da compañía será Rianxo, onde actuará no Auditorio Municipal da localidade o mércores día 3 ás 10:00 e ás 12.00 horas.

Como xa sabedes, esta xira integra unha intensa campaña escolar que, de modo paralelo ás funcións concertadas con centros educativos de toda Galicia, pon a disposición dos mestres e do seu alumnado un completo material didáctico e lúdico arredor do espectáculo do CDG e da obra de Casares que se pode descargar desde este blog.

* Na foto, podedes ver algún dos debuxos que escolares de Vilagarcía de Arousa realizaron para os actores de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Continúa a viaxe galega de “As laranxas…” en Vigo

As nosas Laranxas recalan esta fin de semana na cidade de Vigo, onde o Teatro Centro Cultural Afundación acollerá o domingo día 2, ás 18.00 h, a penúltima función para público familiar da súa xira por Galicia. Ao día seguinte, máis de 900 escolares asistirán ás dúas funcións programadas para os centros de ensino.

Xa anunciamos que para ninguén perdese a oportunidade de ver este espectáculo, o Centro Dramático Galego e Afundación ofrecen un prezo especial reducido nas entradas que xa se poden adquirir a través dos canais habituais da entidade, en www.servinova.es ou ben no teléfono 902 504 500.

A continuación, a versión da obra de Carlos Casares poderá verse en Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro) e A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro), antes da súa exhibición no Salón Teatro de Santiago, do 9 ao 30 de decembro.

E para que estedes ao tanto do seu periplo por Galicia, os actores do espectáculo crearon unha páxina en Facebook con información sobre a xira, impresións, anécdotas… tanto das persoaxes como dos actores e actrices que forman o elenco. Animámosvos a que lle botedes un ollo, e como adianto, aquí vos deixamos un vídeo, agasallo da Veciña Sabida (Alba Blanco Taín), no inicio da xira en Vilagarcía para que descubrades todo o que hai detrás de As laranxas

Colexios máis colexios…

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas seguen inmersas na súa xira por toda Galicia. Pontevedra e Vigo son as seguintes paradas da producción, onde máis de 1.800 nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria participarán nas catro funcións concertadas para os centros de ensino.

Ante a enorme demanda suscitada por parte dos colexios da provincia que rapidamente esgotaron as prazas dispoñibles, desde aquí animámosvos, queridas familias, a que vaiades ás funcións para público xeral que terán lugar o sábado 18 de outubro, ás 18.00 horas, no Auditorio Centro Social Afundación de Pontevedra, e o domingo 2 de novembro, tamén ás 18.00 horas, no Teatro Centro Cultural Afundación de Vigo.

E para que ninguén perda a oportunidade de ver este espectáculo, o Centro Dramático Galego e Afundación ofrecen un prezo especial reducido de 3 euros nas entradas que xa se poden adquirir a través dos canais habituais da entidade, en www.servinova.es ou ben no teléfono 902 504 500.

Cheo na estrea en Ourense

O gran día chegou por fin. O aforo do Teatro Principal de Ourense quedouse pequeno para acoller a estrea de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Entre o público asistente, ademais do  conselleiro  Xesús Vázquez Abad que quixo acompañar a todo o equipo, figuraban tamén destacados representantes do ámbito institucional e cultural de Ourense e do resto de Galicia. Numerosos nenos e nenas tampouco quixeron perderse o pase inaugural desta montaxe de teatro e música para toda a familia.

Tras esta estrea en Ourense, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas puxo rumbo cara ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa (domingo 5, ás 18.00 horas, para público xeral, e o luns 6 pola mañá en función escolar). O espectáculo tamén poderá verse en Narón (Pazo da Cultura, 12 de outubro), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 17 e 18 de outubro), Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).

En último lugar, pero non por iso menos importante, queremos agradecer á Fundación Carlos Casares as afectuosas palabras sobre a estrea publicadas no seu web:

Desde a Fundación non podemos menos que agradecerllelo aos actores, directores e a todas aquelas persoas que fixeron posible semellante alegría. Quedamos obrigados con todas elas e especialmente con Manuel Guede, o director do Centro Dramático Galego, en quen nos gustaría simbolizar este esforzo colectivo, pois leva moitos anos perseguindo soños coma este.

Presentación aos medios de comunicación

Estamos xa na conta atrás cara o día da estrea, e chegou o momento de presentar o espectáculo ante os medios de comunicación. O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, quixo acompañar a todo o equipo artístico –encabezado polo director escénico José Caldas- na rolda de prensa celebrada hoxe no Teatro Principal de Ourense, á que asistiron tamén Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora-xerente do Teatro Principal; Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); e Manuel Guede Oliva, director do CDG.

No encontro cos medios, Vázquez Abad reivindicou a Carlos Casares como galego insigne de talento multifacético e destacou a recuperación dunha parte da súa obra se cadra a menos coñecida, pero igualmente excepcional, que é a que asinou como autor de teatro para público infantil e xuvenil.

Así mesmo, dedicou unha mención especial ao noso querido elenco (que integran Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde) aos que salientou como “representantes, e modelo tamén, das novas xeracións de intérpretes totais que se están a formar e a abrir camiño en Galicia”.

Os seis foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

O conto dos ensaios…

A unha semana da estrea, Alberte Cabarcos comparte con nós esta xoia en forma de pequeno relato: a intrahistoria dos personaxes de As laranxas… contada polo actor que dá vida a Elías.

O Chotas xa está na cama. Seu pai achégase ao dormitorio para apagarlle a luz. Cóntame un conto!– bérralle o Chotas sen mover un chisco as sabas. Queres que che conte “o conto da vila do Elías Toromelo”? – pregúntalle o pai. Si, si. Quero! – dille o Chotas. O pai entón recóstase ao seu carón e afastando as sabas da súa cara dille: Pois entón, pecha os ollos e imaxina…

Na vila do Elías está a amencer. Hoxe é o primeiro día do verán dun ano calquera. O mesmo soniquete de cada mañá comeza a escoitarse na leira da familia dos Toromelo: a galiña Petra, a galiña azul e mailas galiñas chocas do galiñeiro fan espertar o resto dos animais cos seus cacarexos. Os pardais comezan a apousar nas ramas dos carballos deixando bater o orballo das súas follas contra o chan embarrado das corredoiras. É cedo. Os primeiros bocexos do Elías, amarrado ao seu catre no interior do muíño, fan espertar a toda a veciñanza. A lúa estase a agochar tralo horizonte e o sol, na outra beira da paisaxe, tingue de cor laranxa o día en VilaPetroline.

A familia dos Toromelo é de VilaPetroline “desde sempre”. Na biblioteca “da sabida” pódense atopar antigos documentos do pai do bisavó do tataravó do Elías, un tal “Mezzettino o Muiñeiro”, nos que xa falaba da vila: “hoxe achei un lugar ben singular…; chámanlle VilaPetroline e aquí todo é fascinante. Aquí os bolos de pan medran cando lles dá o sol, as pombas suman tres cando só van dúas, os caracois andan sempre ás presas e as patacas medran no río como anguías…”

Mezzetino, o pai do bisavó do tataravó do Elías, levantou aquí, no seu muíño, hai moitos, moitísimos anos, unha das maiores fábricas de fariña de toda a comarca, e viñan xentes “daquí e dacolá” a Vila Petroline para procurar fariña. Non paraban de chegar veciños de CampoLongo, de RúasAltas, de RegatoFrío… O pobo medrou rapidamente ata converterse no centro cultural e comercial da comarca.

Por aquel entón en VilaPetroline había luxosos hoteis, grandes hospitais, modernas escolas, unha comisaría da guardia civil, moitas tendas de xoguetes, varios supermercados e mesmo un circuíto de “fórmula1” e un enorme estadio de fútbol. Tanta era a fariña que se vendía en VilaPetroline que todo o mundo andaba tinguido de fariña polas rúas. Calquera que visitara a vila saía tinguido de branco. De feito, aínda hoxe, os veciños de VilaPetroline conservan esa brancura nos seus rostros…

Logo da “gran crise do milenio”, VilaPetroline perdeu a súa poboación e só algúns veciños ficaron vivir aquí. Un novo tipo de fariña “pre-enfariñada” revolucionou o mercado. VilaPetroline viuse reducida, en menos do que canta un galo, a unha aldea de non máis de vinte casas. Aínda que o proceso foi longo, xa que aquí, os galos, cando cantan, fano sen parar durante varias semanas seguidas.

Por exemplo, en VilaPetroline ficou o “brincacincos”, un tipo que cada cinco pasos dá un chimpo, ou o “alpabarda”, un veciño do que nada se sabe porque ninguén xamais o viu nunca. Na parte máis alta da vila, xunto a fonte seca, ficou a vivir a “floreta”; unha veciña que vai sempre en bicicleta berrando “paso paso que me caso”, aínda que non se lle coñece mozo algún. Tamen está o “escopetas”, que fai as veces de alcalde, de xendarme, de “sereno”, de garda de tráfico ou mesmo de garda de seguridade ou porteiro de discoteca. Góstalle presumir de ser “o corpo e a voz da autoridade” e está sempre ao tanto de todo canto acontece ao seu redor. Todo o pobo treme cando o ve chegar aínda que endexamais “o escopetas” detivo ou mandou ao cárcere a veciño algún. Tamén ficou “a desdentada”, unha bruxa e curandeira de máis de mil anos de idade. De “a desdentada” dín que trocou varios dos seus dentes co mesmo diaño a cambio dos seus poderes de bruxería, e que foi un dos seus conxuros o que provocou a gran crise do milenio, aínda que “a severa”, unha veciña que ten moi mal xenio e que vive nunha casa verde ao carón do campanario da parroquia, di que foi cousa dos bancos…

Tamén ficou “a sabida”, unha muller que sabe todo canto saber se pode. “A sabida” encárgase da biblioteca, da escola, do xornal, do museo de historia natural e mesmo dirixe o centro nacional de estatisticas de VilaPetroline. Di saber cousas que as veces nin sabía que xa sabía. Hai quen asegura que mesmo sabe cal é a receita segreda da cocacola. Tamén ficou a famila “dos gordos”. Unha estirpe familiar de xente acomodada que desde os tempos do muíño de “Mezzetino” presume de ser “da casa onde mellor se come de toda a vila”. Son tan gordos que en verdade non se sabe cantos son, pois a xente dubida de que dentro dun haxa varios. As únicas fotos que se teñen deles son fotos aéreas e polo que ocupan cada un ten o seu propio código postal en correos. Son xente moi querida na vila pois teñen de gordura o mesmo que de bo corazón.

Onte á noite houbo romaría en VilaPetroline e hoxe é día de feira. Anxa, a muller do Elías Toromelo, está a preparar todo. Anxa vale o que cen Elías xuntos. Anxa leva a casa, gaña os cartos e coida dos animais. Anxa organiza as festas do pobo e maila romaría da “santa bárbara bendita” que é a patroa da comarca. Anxa bate os ovos, Anxa pesca os peixes, Anxa conta os contos e Anxa arroupa ao Elías polas noites. Hai quen di que mesmo “a sabida” veulle un día preguntar algo… aínda que ninguén cre esa historia. O verán chega a VilaPetroine e esta mesma tarde haberá feira de pregóns para celebralo. Manolito Listón, o veciño máis listo da vila, declarou festivo o día de hoxe e agárdase unha afluencia masiva de xente, de nenos e nenas para ver o espectáculo de pregóns. A lúa xa se escondeu. Os pardais sobrevoan o campanario e “Lorenzo e Leoncio” ou “Leoncio e Lorenzo” anuncian co seu pasarrúas a feira de hoxe: “señoras e señores, nenos e nenas… o espectáculo vai comezar!”

Elías sae á leira do muíño procurando a compaña de Anxa que non se sabe onde anda. De alí a un pedazo escoitase ao Elías berrar: ¡Anxa! ¡Anxa!. Pásache algo Eíias?, resposta Anxa desde a cociña. Non prenda…, e que… ¡saíron laranxas no limoeiro…!